lunes, 19 de mayo de 2014

ACOSO ESCOLAR

O noso centro conta cun Protocolo de Prevención e Atención do Acoso Escolar, informado favorablemente polo Claustro de Profesores, debatido e coñecido nos distintos órganos académicos do colexio e por fin aprobado polo Consello Escolar, onde está representada a Comunidade Educativa, o día 13 deste mes de maio de 2014.

É un tema que non é de moita incidencia a nivel do ensino de Educación Infantil e Primaria, pero sempre está ben dispoñer dos mecanismos para atallar os posibles problemas e para realizar sobre todo prevención a nivel educativo e formativo.

Compre non ser alarmistas e sempre hai que actuar con cautela, humanidade e gardando a debida confidencialidade para protexer sempre aos menores de idade. Non obstante, alumnado, familias, profesorado e dirección dos centros educativos han ser conscientes que casos de "bullying" ou acoso escolar poden se producir nalgún momento e hai que estar preparados para dar a axeitada resposta a problemática que se pode presentar e darlle a solución pertinente, para eso quere servir o protocolo que vimos de aprobar no colexio. 

Imos presentar algúns sinais que poden facer sospeitar que un neno ou nena sufre acoso (hai que discernir ben e distinguir o que realmente é acoso e o que non é, para eso seguiremos o protocolo). Uns indicadores de acoso poden ser:

  • Chega a casa coa roupa, libros ou cousas rotas ou que llas teñen roubado.
  • Ten moretóns, feridas, cortes ou marcas que non pode explicar.
  • Perdeu o interese por ir ao colexio.
  • O seu rendemento académico baixa.
  • Ten poucos amigos ou non ten ningún.
  • Non invita a compañeiros á casa e rara vez vai á de outros.
  • Sufre falta de apetito, dores de cabeza e/ou estómago (pola mañá).
  • Sufre alteracións do sono: insomnio, pesadelos ou chora cando durme.
  • Pide diñeiro ou saca diñeiro ás escondidas (para o intimidador).
  • Falta algún xoguete ou cousa de valor (tamén para entregarlla ao acosador/es).
  • Chega do colexio ansioso, triste, decaído, cos ollos con bágoas e ten un aspecto triste, deprimido e de infelicidade.
  • Cambia de humor de forma inesperada ou está irritable e con furia e rabia repentina.
  • Amósase teimudo, pouco comunicativo, chora con frecuencia.
  • Non quere saír a xogar cos demais, non quere ir ao parque, prefire quedar só na casa. 
Temos que comunicarnos cos nosos nenos e nenas, estar pendientes deles e das súas cousas, coñecelos, saber das súas preocupacións, darlles confianza para que dialoguen con nós, debemos saber escoitalos e diante calquera situación de alarma ou cambio repentino de comportamento non deixar de falar co profesorado. A nosa maior preocupación son os fillos/as, o alumnado. Todos debemos axudarnos e cooperar na mellor educación e benestar dos nosos nenos e nenas. Son o centro da acción educativa.

(Para a elaboración desta entrada contamos coa información que se ofrece no Taco do Corazón de Xesús do día 24 de marzo de 2014, da editorial Mensajero e tamén do noso Protocolo sobre o tema).