lunes, 14 de diciembre de 2015

ESCOLA DE PAIS E NAIS - 17-12-2015; 18:00 H.

TODOS NA ESCOLA
Inclusión de todos na escola pública

O xoves 17 ás 18:00 h. teremos unha nova oportunidade para compartir ideas e experiencias na nosa Escola de Pais e Nais.

Mª Esther Núñez Pintos, especialista do Equipo de Orientación Específico (EOE) encargada dos asuntos de Trastornos Xeneralizados do Desenvolvemento na Xefatura Territorial da Consellería de Cultura Educación e O.U. de Pontevedra e Paula Fernández Vilas, nai da nosa Comunidade Educativa,  e Manuel Baña Castro, profesor de Psicoloxía da Universidade da Coruña, coa coordinación do orientador do noso centro, Xermán M. Torres, exporán do dereito a educación das persoas, independentemente das súas características persoais e sociais. Falaremos dunha escola pública inclusiva onde caben todas as persoas, coa intención de ser mellores persoas para convivir todos na nosa sociedade.

lunes, 26 de octubre de 2015

PLAN DE ACTIVIDADES - DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN



D E P A R T A M E N T O     D E     O R I E N T A C I Ó N

Plan de Actividades – Curso 2015/2016


PRIMER TRIMESTRE
ALUMNADO
FAMILIAS
PROFESORADO

Acollida de novo alumnado.
Preparación de atividades sobre Manuel María.
Atencións, recibimentos, entrevistas
Planificación e deseño do curso.

Seguimentos.
Charlas preventivas acoso escolar.
Estreita relación e colaboración coa ANPA.
Constitución do Departamento.

Atención novas peticións.
1ª Escola de Nais e Pais: “Panel sobre autismo”.
Reunións periódicas de Equipo e de Departamento.

Colaboración na elaboración e seguimento das ACS.


SEGUNDO TRIMESTRE
Seguimentos, avaliacións, informes.
Seguir coa atención ás familias e a colaboración coa ANPA.
Xuntanzas periódicas.

Obradoiros: da Poesía, do Cómic, da Ciencia.
2ª Escola de Nais e Pais: “Seguridade Vial” – Policía Local.
Participación e colaboración nas iniciativas do Equipo Directivo e do Claustro.

En febreiro: Visita de 6º de Primaria ao IES “Fermín Bouza Brey”.


TERCEIRO TRIMESTRE
Seguimento, avaliacións, tarefas propias do Dpto.
Atención e colaboración.
Participación e colaboración co profesorado.

No mes de abril, ter en conta as posibles flexibilización de escolaridade.
3ª Escola de Nais e Pais: “A transición da Primaria á Secundaria. O IES “Fermín Bouza Brey”.
Participación e colaboración nas planificacións, programacións e avaliacións do profesorado.

Revisión e recapitulación: As técnicas de estudio.



domingo, 27 de septiembre de 2015

BECAS NEAE - FINALIZA O PRAZO O DÍA 30


As becas para o alumnado con necesidades educativas de apoio específico (NEAE) foron convocadas polo Ministerio de Educación o 1 de agosto de 2015 e finaliza o prazo de presentación nos centros educativos este mércores 30 de setembro inclusive.

No noso centro, previa cita, atenderá a todos os interesados o orientador, quen facilita estes dous links para poder xestionar a beca, o primeiro dirixe directamente á páxina do Ministerio, onde se poden cubrir e imprimir os formularios do impreso de solicitude.

O segundo, conduce ao Boletín Oficial do Estado (BOE) para ampliar e clarexar a información.

 http://www.mecd.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/catalogo-servicios/becas-ayudas-subvenciones/para-estudiar/primaria-secundaria/beca-necesidad-especifica.html

 http://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2015-8699


En caso de dúbida ou dificultade dirixirse ao orientador do noso colexio.

domingo, 30 de agosto de 2015

AO COLE!



CALENDARIO ESCOLAR 2015/2016
Orde do 8 de xuño de 2015

En Educación Infantil e en Educación Primaria comezan as clases o día 10 de setembro de 2015 e finalizan o 22 de xuño de 2016, ambos os dous inclusive.

PERÍODOS VACACIONAIS:

  • NADAL: Desde o día 21 de decembro de 2015 ao 6 de xaneiro de 2016, ambos os dous inclusive.
  • ENTROIDO: Días 8, 9 e 10 de febreiro de 2016.
  • SEMANA SANTA: Desde o día 21 ata o día 28 de marzo de 2016, ambos os dous inclusive.
O Día das Letras Galegas de 2016 estará dedicado ao poeta da Terra Chá, Manuel María, quen visitou o noso centro en marzo de 1999. Temos moitas iniciativas para celebrar ese día e homenaxear a Manuel María. Traballaremos e gozaremos moito cos seus libros, especialmente cos SOÑOS NA GAIOLA. 

PÓDESE CONSULTAR O DOG SOBRE DITO CALENDARIO NO SEGUINTE ENDEREZO:

 http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150617/AnuncioG0164-090615-0005_gl.html





viernes, 19 de junio de 2015

ESCOLA DE PAIS E NAIS - A SECUNDARIA E O IES



UNHA ESCOLA DE PAIS E NAIS ESPECIALMENTE DIRIXIDA ÁS FAMILIAS DO ALUMNADO DE 6º, QUE COORDINARÁ A ORIENTADORA DO IES FERMÍN BOUZA BREY, DNA.  LAURA RODRÍGUEZ DÍAZ.
NA IMAXE, A CONVOCATORIA.

martes, 2 de junio de 2015

AXUDAS E FONDO SOLIDARIO PARA LIBROS DE TEXTO

CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO PARA OS CURSOS 1º, 2º, 4º E 6º DE EDUCACIÓN PRIMARIA. PRAZO DE SOLICITUDE: DO 02/06/2015 AO 01/07/2015.

PODE CONSULTARSE NESTE ENLACE O DOG SOBRE ESTE TEMA:

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150601/AnuncioG0164-220515-0001_gl.html


________________________________________________________________________________



CONVOCATORIA DO FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO PARA 3º E 5º DE EDUCACIÓN PRIMARIA. PRAZO DE SOLICITUDE: DO 02/06/2015 AO 30/06/2015.

PODE CONSULTARSE NESTE ENLACE O DOG SOBRE ESTE TEMA:

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150601/AnuncioG0164-220515-0002_gl.html

jueves, 30 de abril de 2015

27 E 28 DE MAIO - PROBAS PARA TERCEIRO DE PRIMARIA



O 27 E 28 DE MAIO TERÁ LUGAR A APLICACIÓN DAS PROBAS DE AVALIACIÓN INDIVIDUALIZADA DE TERCEIRO CURSO DE EDUCACIÓN PRIMARIA

(DOG, 30/04/2015, pp. 16785-16792)


 Para cumprir a resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o noso centro disporá todo o necesario para o correcto desenvolvemento de ditas probas.

As mesmas terán un “carácter informativo e orientador”. Achegando información sobre o “grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática, e contribuír á detección de dificultades na aprendizaxe”.

Será un medio para “achegar información e orientar”. En función dos resultados, cada centro adoptará “as medidas necesarias que redunden na mellora do proceso educativo”.

Achegarase “información ás familias e á Administración” e  contribuirase “a orientar a toma de decisións e o establecemento de medidas encamiñadas á mellora educativa”.

sábado, 18 de abril de 2015

OBRADOIROS DO BARRO CON TITO PORTO



O noso amigo, Tito Porto, gran artista no manexo dos versos, da escultura, da pintura,... da vida vai a coordinar dous Obradoiros de Barro, dentro da Unidade Didáctica: OS ZOCOS, para o alumnado de 6º de Educación Primaria e que no seu día tiveran que aprazarse, coa seguinte programación:

- 22/04/2015 de 12:40 h. a 14:30 h. para 6º A

- 29/04/2015 de 12:40 h. a 14:30 h. para 6º B

Tamén Tito confeccionará no colexio unha sorpresa para agasallar á nosa Comunidade Educativa, asunto do que xa daremos conta.

Asimesmo temos previsto que participe un curso máis nos Obradoiros de Poesía que se levarán a cabo co alumnado de 3º de Ed. Primaria.

Grazas a Tito Porto por compartir con todos nós a riqueza da súa longa vida.

APRAZADOS POR INDISPOSICIÓN DE TITO, AGARDAMOS RECUPERAR AXIÑA ESTA ACTIVIDADE.

lunes, 23 de febrero de 2015

VACANTES NO CEIP O PIÑEIRIÑO - 2015-2016

Na foto de Iñaki Abella de Faro de Vigo-Arousa, un grupo do alumnado de 5 anos na cociña da Aula de Igualdade.

RELACIÓN DE VACANTES NO NOSO CENTRO PARA O VINDEIRO CURSO:



PRAZAS VACANTES  PARA O CURSO 2015/2016


ALUMNOS E ALUMNAS

EDUCACIÓN INFANTIL
EDUCACIÓN PRIMARIA


44
29
12
5
3
2
8
9
6






DO 2 AO 23 DE MARZO: PRESENTACIÓN SOLICITUDES DE ADMISIÓN, debendo presentar a seguinte documentación: Certificado de empadronamento, DNI, Libro de familia.

DO 20 AO 30 DE XUÑO: CONFIRMACIÓN DE MATRÍCULA, debendo aportar 3 fotografías tamaño carnet, certificado de vacunación, copia tarxeta sanitaria.

HORARIO DE SECRETARÍA: De 12:40 h. a 14:00 h.

domingo, 8 de febrero de 2015

XESÚS ALONSO MONTERO, PRESIDENTE DA RAG, VISITA O NOSO COLEXIO


XESÚS ALONSO MONTERO, PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA, TEN PREVISTO VISITAR O COLEXIO O PIÑEIRIÑO O PRÓXIMO MARTES DÍA 10, A PARTIRES DAS 11:00 H., PARA MANTER UN ENCONTRO FORMATIVO CO ALUMNADO DE 6º DE EDUCACIÓN PRIMARIA.
DITO ALUMNADO, BAIXO A COORDINACIÓN DAS SÚAS MESTRAS TITORAS, ESTIVO A TRABALLAR SOBRE A BIOGRAFÍA E A OBRA DUN GRAN E POPULAR ESCRITOR GALEGO, XOSÉ NEIRA VILAS. DETÉNDOSE ESPECIALMENTE, MEDIANTE FRAGMENTOS ESCOLLIDOS, NA OBRA, Memorias dun neno labrego. PRECISAMENTE, D. XESÚS  FALARÁ CON ELES SOBRE ESTO.
O ACTO DESENVOLVERASE NA SALA DE USOS MÚLTIPLES CO SEGUINTE GUIÓN:
  • Presentación e acollida por parte do noso director, Argimiro Serén Mera, quen foi nos seus anos mozos no Instituto de Lugo, alumno do Sr. Alonso Montero, de quen garda unha grata lembranza.
  • Actuación do Coro da Aula de 3º A, que interpretará as seguintes cantigas: 
  •  Galicia, de Manuel María e Suso Vaamonde
  • Na beira, na beira do mar, popular
  • Miña nai, popular
  • No niño novo do vento, Álvaro Cunqueiro e Luís E. Batallán
  • Conferencia de Xesús Alonso Montero, Xosé Neira Vilas e os nenos
  • Firma no libro de visitas e agasallos.
O alumnado de 6º A, de 6º B, e de 3º A agarda con moita ilusión esta visita ao igual que todo o colexio, sen dúbida que teremos a oportunidade de facer un recorrido por todas as instalacións do noso colexio e agasallar como se merece ao noso invitado de honra, D. Xesús Alonso Montero, Presidente da Real Academia Galega. 

O acto foi todo un éxito, moi gratificante para cantos participamos nel, o alumnado de 3º A estivo magnífico, moi bo comportamento e cantaron moi ben, con moita alegría. O alumnado de 6º cun comportamento exemplar, moi receptivos, moi atentos e educados. Incluso houbo un alumno que se emocionou coas palabras extraordinarias de D. Xesús, quen tamén chegou a conmover a algunha profesora. O acto pagou a pena e constituiuse en algo inesquecible.

O señor Alonso Montero, aínda que estaba moi preocupado por elo, chegou perfectamente a alma infantil, el que está acostumado a falar para outos niveis académicos e universitarios soubo achegarse e adaptarse ao público infantil. E o reflectíu ao falar de Balbino, un neno labrego, un ninguén e do autor, Xosé Neira Vilas, que será ou non será o trasunto de Balbino. Neira tan tenro, tan próximo, lembramos a visita que fixemos sobre o ano 1996, o alumnado da segunda etapa de E.X.B. acompañados polos profesores do centro, Josefa Vázquez Castro e Xermán M. Torres, a aldea de Gres en Vila de Cruces para facerlle unha visita na súa casa a Xosé Neira Vilas e a súa lembrada muller, a tamén escritora Anisia Miranda. Lembramos con ledicia o seu recebemento e a súa acollida, con tanto agarimo. D. Xesús explicounos moi ben as características dos nenos do libro MEMORIAS DUN NENO LABREGO (que se alguén aínda non o leu, que corra, pida no centro un exemplar, que temos moitos, ou mellor, se pode, que merque un e que se poña a ler, gozará coa súa lectura). Falou don Xesús da riqueza e da pobreza, do neno dos amos, Manolito; do neno dos caseiros, Balbino. Dicía, Alonso Montero, que un non pode escoller a familia onde nace, que un non ten culpa de ser pobre, que non hai que avergoñarse por ser pobre. Hai que loitar contra das inxustizas e eso fai Balbino cando lanza a súa pedrada cara Manolito, que se estaba a burlar del. O libro e Neira Vilas son extraordinarios, e Neira ten moitos libros e moi bos, mans a obra, bibliotecas e librerías ao canto e a ler. Dámoslle as grazas a D. Xesús Alonso Montero por ter vido ao noso colexio, estamos moi contentos e satisfeitos por telo acollido, esta é a súa casa.

Ofrecemos agora, as reseñas xornalísticas de La Voz de Galicia, Faro de Vigo e Diario de Arousa, aos que amosamos o noso agradecemento por divulgar esta boa nova, que o foi de verdade para todos nós.



 

jueves, 15 de enero de 2015

EDUCAR NON PARA UNHA FALSA ILUSIÓN



Certo que un mestre debe gustar en grao sumo da súa profesión e gozar coa aprendizaxe e co coñecemento. Debendo transmitir ese entusiasmo por aprender e descubrir ao seu alumnado e implicando nesa tarefa ás familias.

Hai que educar nunha actitude positiva e feliz cara a vida e ser conscientes de que o centro da educación é o neno. Non obstante, aos nenos hai que preparalos para encaixar as frustracións, que non todo é bonito e agradable, que non todo ten que ser divertido, que hai que saber aburrirse, que as satisfaccións aos desexos non teñen que ser inmediatas, que hai que saber dicirlles non e poñerlles límites, que na vida non todo é fácil e que non todo é ledicia. Que existen momentos e situacións difíciles e complicados, que hai problemas. Que o importante é saber xestionar os problemas, encaralos e buscar solucións. A vida hai que vivila, saber vivila nos momentos doces e nos amargos.

Non hai que evitar temas como a enfermidade, a vellez, a morte, as dificultades económicas. É preciso explicalas con naturalidade, con rigor, con verdade, como compoñentes da natureza e das situacións humanas: eso si, adaptándose á mentalidade e as distintas idades da infancia. Hai que preparalos para os momentos de tristura, de derrota, de fracaso para saber superalos e sobrepoñerse. Temos que facer fortes aos nenos; son nenos pero non parvos. Tan axiña como van medrando van afacéndose a unha idea máis exacta do que é a vida. Emporiso precísase ter unha actitude alegre, optimista, de traballo e superación. Ensinarlles a ser empáticos e solidarios cos demais.

Hoxe na escola coas novas tendencias estamos desenfocando o centro, que repitimos é o alumno. Estámonos a centrar na avaliación, na programación, nos textos. Co ánimo de medir, estámonos olvidando de vivir. De vivir a escola, da convivencia, da cultura, da humanidade. Hai un exceso de maquinismo, de tecnocracia, de excesiva valoración da excelencia e os nenos, seres humanos, non teñen suficiente tempo para conversar cara a cara, para xogar máis cos seus iguais. Hai enormes carencias na expresión oral e escrita, así como na artística e musical, na expresión dos sentimentos, das emocións.

Para min na educación infantil e primaria debera haber menos maquinismo e máis humanidade; os nenos deben falar, xogar, debuxar e colorear, cantar e contar, escribir, ter contactos máis frecuentes co mundo natural, cultural. Maiores espacios para a convivencia familiar, escolar, veciñal. Deberiamos ir desprendéndonos un pouco de tanto móbil, tanto ordenador, tanta wi e máis buxainas, pelotas, bicicletas e triciclos, bonecas e bonecos o máis simples posibles, xogos de construcción tipo mecano, bolas, cordas.

Máis libros, contos, poemas, cancións, adiviñas, lendas, fábulas, trabalinguas, encrucillados, sopas de letras. Paseos polas praias, polas montañas, polos ríos, polas cidades. Camiñar, facer deporte, viaxar. Máis animais de compañía, cans, gatos, paxaros...

En vez de tantas programacións complexas, cunha complicada xerga tecnocrática; programacións curtas do día a día, diarios de clase, de incidencias acompañados dunha boa e axeitada metodoloxía, recursos, técnicas. Temos tantos e bos exemplos na historia da educación, desde as boas prácticas clásicas, pasando por Comenio, polos movementos da Escola Nova, aprendizaxes por proxectos, técnicas Freinet (textos e cálculo vivos), escolas ao aire libre, comunicacións e intercambios entre escolas, mesmo desde o ámbito internacional. Ter ilusión e ganas por construir escola entre todos, entre toda a comunidade escolar. Ten que entrar moito aire libre e moita luz nas escolas, abrir portas e ventás, sair á rúa, aulas abertas. A verdadeira aprendizaxe está na Natureza, nos vellos que teñen a experiencia e leron no libro da vida.

Temos que repensar a escola, a educación, formar ben, valorar e confiar nos mestres para poder alcanzar entre todos unha escola da vida e para a vida.

Eu sempre teño presente as palabras de Charles Chaplin pronunciadas sobre 1940, para tratar de aprender a ser máis humanos, tratar de evitar os perigos dos que nos previña e exclamaba o tenro Charlot naqueles pasados (pero presentes) tempos:


HOMES MÁQUINA, CON CORAZÓNS DE MÁQUINA!

                                                                               Xermán Manoel Torres, orientador.