jueves, 15 de enero de 2015

EDUCAR NON PARA UNHA FALSA ILUSIÓN



Certo que un mestre debe gustar en grao sumo da súa profesión e gozar coa aprendizaxe e co coñecemento. Debendo transmitir ese entusiasmo por aprender e descubrir ao seu alumnado e implicando nesa tarefa ás familias.

Hai que educar nunha actitude positiva e feliz cara a vida e ser conscientes de que o centro da educación é o neno. Non obstante, aos nenos hai que preparalos para encaixar as frustracións, que non todo é bonito e agradable, que non todo ten que ser divertido, que hai que saber aburrirse, que as satisfaccións aos desexos non teñen que ser inmediatas, que hai que saber dicirlles non e poñerlles límites, que na vida non todo é fácil e que non todo é ledicia. Que existen momentos e situacións difíciles e complicados, que hai problemas. Que o importante é saber xestionar os problemas, encaralos e buscar solucións. A vida hai que vivila, saber vivila nos momentos doces e nos amargos.

Non hai que evitar temas como a enfermidade, a vellez, a morte, as dificultades económicas. É preciso explicalas con naturalidade, con rigor, con verdade, como compoñentes da natureza e das situacións humanas: eso si, adaptándose á mentalidade e as distintas idades da infancia. Hai que preparalos para os momentos de tristura, de derrota, de fracaso para saber superalos e sobrepoñerse. Temos que facer fortes aos nenos; son nenos pero non parvos. Tan axiña como van medrando van afacéndose a unha idea máis exacta do que é a vida. Emporiso precísase ter unha actitude alegre, optimista, de traballo e superación. Ensinarlles a ser empáticos e solidarios cos demais.

Hoxe na escola coas novas tendencias estamos desenfocando o centro, que repitimos é o alumno. Estámonos a centrar na avaliación, na programación, nos textos. Co ánimo de medir, estámonos olvidando de vivir. De vivir a escola, da convivencia, da cultura, da humanidade. Hai un exceso de maquinismo, de tecnocracia, de excesiva valoración da excelencia e os nenos, seres humanos, non teñen suficiente tempo para conversar cara a cara, para xogar máis cos seus iguais. Hai enormes carencias na expresión oral e escrita, así como na artística e musical, na expresión dos sentimentos, das emocións.

Para min na educación infantil e primaria debera haber menos maquinismo e máis humanidade; os nenos deben falar, xogar, debuxar e colorear, cantar e contar, escribir, ter contactos máis frecuentes co mundo natural, cultural. Maiores espacios para a convivencia familiar, escolar, veciñal. Deberiamos ir desprendéndonos un pouco de tanto móbil, tanto ordenador, tanta wi e máis buxainas, pelotas, bicicletas e triciclos, bonecas e bonecos o máis simples posibles, xogos de construcción tipo mecano, bolas, cordas.

Máis libros, contos, poemas, cancións, adiviñas, lendas, fábulas, trabalinguas, encrucillados, sopas de letras. Paseos polas praias, polas montañas, polos ríos, polas cidades. Camiñar, facer deporte, viaxar. Máis animais de compañía, cans, gatos, paxaros...

En vez de tantas programacións complexas, cunha complicada xerga tecnocrática; programacións curtas do día a día, diarios de clase, de incidencias acompañados dunha boa e axeitada metodoloxía, recursos, técnicas. Temos tantos e bos exemplos na historia da educación, desde as boas prácticas clásicas, pasando por Comenio, polos movementos da Escola Nova, aprendizaxes por proxectos, técnicas Freinet (textos e cálculo vivos), escolas ao aire libre, comunicacións e intercambios entre escolas, mesmo desde o ámbito internacional. Ter ilusión e ganas por construir escola entre todos, entre toda a comunidade escolar. Ten que entrar moito aire libre e moita luz nas escolas, abrir portas e ventás, sair á rúa, aulas abertas. A verdadeira aprendizaxe está na Natureza, nos vellos que teñen a experiencia e leron no libro da vida.

Temos que repensar a escola, a educación, formar ben, valorar e confiar nos mestres para poder alcanzar entre todos unha escola da vida e para a vida.

Eu sempre teño presente as palabras de Charles Chaplin pronunciadas sobre 1940, para tratar de aprender a ser máis humanos, tratar de evitar os perigos dos que nos previña e exclamaba o tenro Charlot naqueles pasados (pero presentes) tempos:


HOMES MÁQUINA, CON CORAZÓNS DE MÁQUINA!

                                                                               Xermán Manoel Torres, orientador.